[Galiza] Ante o caciquismo nas eleccións das cofradías

A Xuventude Comunista solidarízase coas reivindicacións das traballadoras e traballadores do mar de cara ás vindeiras eleccións do día 28 de xuño nas confrarías, na súa loita fronte as situacións de privilexios caciquís que sosteñen actualmente os dirixentes destas.

Contra todas as manifestacións de fraudes, agresións e trabas ao exercicio do dereito de sufraxio que están sendo denunciados dende a convocatoria de eleccións, mostramos o noso rexeitamento a un sistema electoral que impide a democratización das cofrarías e a participación en igualdade de oportunidades para todos e todas as traballadoras de cara a elexir as súas futuras representantes, para que deixe de recaer esta responsabilidade en persoas que viven de aproveitarse dos beneficios do traballo das mariscadoras e que só actúan en defensa dos intereses dos patróns e dos empresarios da industria conserveira, desprezando a digna e xusta loita das mariscadoras.

[Galiza] Urbaser, en folga indefinida

A Xuventude Comunista solidarízase e fai súa a loita e as reivindicacións dos e das traballadoras de Urbaser de Lugo, empresa do Grupo ACS, concesionaria do servizo de limpeza municipal da cidade, que se encontran en folga indefinida dende o pasado martes 10 de xuño.

A constante manipulación da prensa local, baixo o control da burguesía lucense, tenta desprestixiar dita loita, que ten a súa orixe na negociación do convenio colectivo para o periodo 2014-2015 onde a empresa tenta tirar abaixo, entre outras cousas, acordos co comité, modificando os salarios á baixa, regresando ás cifras do ano 2011 e rebaixando tamén varios pluses de dito convenio.

[Galiza] Érguete, Xeración Xabarín!

Este ano é outro ano máis no que a festa das letras da lingua do pobo galego debe tinxirse de loita, a loita por rachar coas inxustizas e vexacións que acompañan a nosa lingua, o galego. Moitas de nós aínda levamos enriba os estigmas de sermos criadas na lingua do pobo, na lingua humilde das nosas nais e pais, nunha lingua coa que pronto aprendemos que non iríamos a ningunha parte, nunha lingua que aínda que falada pola maioría, moi poucas se atrevían a reivindicar como a digna lingua dun pobo digno. Unha lingua que aínda hoxe non deixa de ceder terreo ante o idioma das clases poderosas, da alta sociedade urbanita que sinalan para o galego como un vestixio dun pasado atrasado, ignorante e escuro.

[Galiza] Comunicado ante a represión na derradeira manifestación estudantil

O pasado 20 de febreiro tivo lugar unha manifestación estudantil en Vigo contra a reforma que pretende facer o goberno do Partido Popular (coñecida co nome de LOMCE). Esta reforma ten uns evidentes intereses clasistas e de elitización da educación, para que as capas populares sirvan como man de obra barata e sen cualificar.

Á hora de ler o manifesto, a policía increpou a un grupo de manifestantes que responderon enfrontándose a eles con pedras. Os corpos de represión do Estado cargaron de maneira indiscriminada contra todas e todos os manifestantes, unhas cargas que se saldaron con 75 identificadas e un detido.

Dende a Xuventude Comunista queremos mostrar o noso apoio ás persoas detidas e identificadas, e comunicarlle a toda a poboación que non teña medo de ir ás manifestacións, xa que a loita é o único camiño para defender os nosos dereitos. Estes acontecementos non son máis que o intento por parte das autoridades de reprimir e criminalizar a protesta social, que nunca foi tan necesaria como agora.