Os datos son claros e avalan isto, xa que dous de cada cinco praias españolas non contan con este equipo e, por exemplo, en Galiza son un 70% as que non teñen socorristas. Cal é o motivo? A escaseza de persoal cualificado? Nada máis lonxe da realidade. Se ben é certo que a titulación precisa custa entre 500 e 1200 euros (nin sequera está regulado do mesmo xeito en tódalas rexións e nacións) non existe unha falta de xente titulada. O problema real reside na precariedade propia do sector, que ten como proba evidente a falta dun plan de seguridade acuática que hai tempo que se reivindica.

Materiais obsoletos ou inexistentes, salarios míseros e a xa citada falta de regulación ou mesmo dun convenio son a realidade á que se teñen que enfrontar día a días as traballadoras de salvamento. A isto súmase, por suposto, a temporalidade dos postos que, unha vez máis, cébase coa mocidade precaria que procura un soldo co que poder subsistir e que lle obriga a aceptar as condicións laborais paupérrimas.

Respecto da lexislación, atopámonos cunha lei de 1972 que deixa en mans dos concellos os servizos de salvamento. Que adoitan facer as institucións? Subcontratar empresas privadas e deixar nas súas mans a vida de millóns de bañistas. As condicións e requisitos de contratación póñenas os propios concellos e, coma ocorre sempre, é a economía a que prima fronte á dignidade e a seguridade do pobo, polo que a oferta máis barata é a que normalmente sae vencedora. A isto súmase que os controis brillan pola súa ausencia e todo iso resúmese en que bañarse nunha praia estase a converter aos poucos nun deporte de risco.

Para tratar este tema, entrevistamos a Alberto, delegado sindical de CCOO no Servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello de Vigo.

Como e cando decides ser socorrista?

Eu fixen o curso hai 10 anos xa. Tivo un custo de 200 euros, o que pasa é que a día de hoxe, isto se xunta cun decreto de hai un par de anos que ordena sacar unha certificación profesional e que os socorristas que xa o somos teñamos que facer un curso de adaptación.

Cales son os pasos necesarios e a titulación requirida?

Obviando os casos nos que xa se teña o curso que comentei antes, as persoas que queiran ser desde agora socorristas teñen que facer un curso que custa sobre 1000 euros. Para un traballo que é estacional cremos que isto dificulta bastante o acceso a ser socorrista e deriva no gran déficit que hai ao longo de todo o Estado que é a falta de socorristas.

En que momento comezas a ser consciente das irregularidades do sector?

Desde o momento que empezo a traballar. No momento no que un traballador entra nunha empresa entendo que o primeiro que ten que facer é ler o convenio colectivo e o Estatuto dos Traballadores para saber os dereitos que ten. Polo tanto, nese sentido desde o primeiro momento, pero obviamente cando comezas a desenvolver o teu traballo empezas a ver as irregularidades e ilegalidades constantes que de forma sistemática comete a empresa. Neste caso, no servizo de salvamento e socorrismo das praias do Concello de Vigo, enfrontámonos por unha banda á incumprimento do convenio colectivo e das condicións do plego municipal, que en definitiva é o que rexe o servizo.

A consciencia destas irregularidades é a norma entre as túas compañeiras de traballo?

Nun primeiro momento non é a norma, pero para iso estamos a xente organizada: para falar coas nosas compañeiras, explicarlles cales son os seus dereitos, facilitarlles o convenio colectivo e o pliego municipal; para que a xente saiba que cousas pode e non pode facer a empresa; para facerlles saber que teñen que librar un fin de semana ao mes, que teñen dereito a dous días de descanso semanal…

Cales son en concreto as problemáticas?

As problemáticas son, no caso do Concello de Vigo e como dixen, o incumprimento sistemático de convenio por parte da empresa concesionaria do servizo. Recordemos que é un servizo municipal que está externalizado… Nese sentido, entendemos que esa externalización en boa medida perpetúa a precarización. Cremos que debería ser un servizo municipal xestionado polo Concello e non por unha empresa. As problemáticas son o incumprimento de convenio a nivel de descanso, de días libres, de salario… Moitas veces non é que estea por baixo de convenio, senón que hai horas que non se pagan como horas efectivas de traballo. Máis problemáticas, por exemplo, son os EPIs, que non son os adecuados. Temos problemas tamén co envío dos cuadrantes, o que impide a conciliación familiar enviando estes ás veces o día antes de empezar o mes, con cambios constantes de praia… Ademais, un dos problemas fundamentais que temos, é que a maioría de traballadoras en Vigo entendemos que o salario que se nos paga é insuficiente. Estamos a gañar sobre 1100 euros limpos ao mes cando Concellos limítrofes están a cobrar ao redor de 1860 euros brutos. Entendemos que co traballo que temos e a responsabilidade que cargamos, a nosa tarefa é fundamental. Cun verán que deixa 250 mortes, está claro que facemos unha labor de prevención que é imprescindible para minimizar os riscos nos areais.

Cal é a situación actual da mobilización?

Nas praias de Vigo o que estamos a facer é falar coas traballadoras, realizar asembleas cada tres ou catro semanas nas que poder levar liñas democráticas maioritarias que trasladar á empresa para poñer solución aos incumprimentos e irregularidades que cometen. Hoxe mesmo temos asemblea para debater propostas para facer o pliego municipal que o Concello ten que aprobar a finais deste ano, polo que teremos unha reunión en setembro con elas para propoñerlles medidas concretas de mellora non só a nivel salarial, senón a nivel de torres de vixilancia, material, EPIs e unha morea de melloras que sairán hoxe na lista que elaboremos.

Cales crees que son os mecanismos que se deberían empregar para conseguir cambiar a realidade do persoal de salvamento?

O mecanismo é a organización: que haxa un cadro de persoal organizado, un persoal que fale, que debata, que se organice, que traslade á empresa e ao Concello as demandas e as reivindicacións que entende fundamentais e así mesmo que poida exercer medidas de presión. Se ante as reivindicacións e propostas de mellora concretas empresa e Concello fan oídos xordos, temos que tomar a palabra e poder exercer presión a través da mobilización. Aquí o día 27 de xullo fixemos unha concentración para reivindicar a dignificación da nosa profesión. Ese é o camiño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *